2 de marzo de 2017

"Nove de Novembro", a primeira longa LGTB en galego


Nove de Novembro é unha longametraxe que conta a historia de Miguel e Roberto e os últimos días na súa relación de parella nos primeiros días de Novembro de 1989. Segundo Lázaro Louzao, o seu director, "trátase dun proxecto moi humilde, formado por un pequeno equipo, pero cunha gran ilusión.
Esta película, que esperamos estrear a comezos do 2018, é moi especial por varios motivos. Trátase da primeira longametraxe de temática LGBT rodada en galego.
Con todo o auxe que está a vivir o cinema galego nestes últimos anos, cremos de gran importancia que todas as historias sexan contadas e non só as da maioría. A visibilidade do colectivo LGBT debe darse na rúa e nas accións sociais, pero tamén en todas as formas de expresión culturais posibles."


- "Nove de novembro" é, según dis, a primeira longametraxe de temática LGTB. Non hai outro producto con esa temática?
O certo é que foi algo que me pillou un pouco de sorpresa, xa levaba meses traballando no guión cando me dixeron que non había ningunha longa LGTB en galego. Consulteino con varios académicos e viñéronmo a confirmar. Sei da existencia dunhas curtas de animación de temática lésbica feitas por unha cineasta galega, pero nada mais. Si que é certo que hai algunhas as que se lle pode, e debe, facer unha lectura LGTB, como A Esmorga sen ir máis lonxe, pero Nove de Novembro vai ser a primeira que traballe esta temática de forma explícita e dende a centralidade da historia.

- Case todos os creadores senten responsabilidade sobre o que crean pero cando a súa obra é a primeira en algo, un fito, ten unha importancia especial. Sentes especial responsabilidade de cara ao resultado final?
Moita máis, hai que pensar que Nove de Novembro figurará en todolos estudos que se fagan sobre cultura galega LGTB, e iso vai ser así xa non so polo feito de ser a primeira, sexa boa ou mala. Se o final nos sae mala será recordada sempre así, pero esperamos que iso non pase e facer a mellor longa posible.

- Porque esta idea resultou tan atractiva para ti ata o feito de plasmala nunha película?
Ao comezo ía ser unha curta, quería contrapor un feito tan íntimo como unha ruptura de parella con un feito tan universal e coñecido por todos como é a caída do muro de Berlín e facer esa metafora entre a caída do muro que seperaba os dous protagonistas co muro que separaba a Alemaña.

- Seica está ambientada nos anos da caída do muro de Berlín. Foi aquela época especialmente significativa para a historia que narra o filme?
Si, de feito foi a época a que acabou convertindo o proxecto nunha longometraxe. O contar a historia no ano 89 dinme conta que había temas que non podían quedar sen tratar, como o SIDA, a heroina, a discriminación, a Ley de Vagos y Maleantes, todos estes temas que foron engadíndose a historia fóronlle dando mais complexidade ás persoaxes e as súas personalidades e chegou un punto no que todo iso xa non cabía nunha curta.

- Noutras entrevistas dixeches que necesitabas 20.000 € para facer a película. No crowdfunding pides 8.000 €: que queda no tinteiro?
Estamos traballando con varios orzamentos. O ideal, no que todo o equipo cobra según convenio, ronda os 60.000€ pero a día de hoxe resulta utópica esa opción. Temos outros dous intermedios de 30.000 e 20.000€ nos que todo o mundo cobra pero moito menos do fixado por convenio e finalmente o orzamento de mínimos, de 13.200€ no que so cobran os actores protagonistas e o equipo técnico retribueselle con porcentaxes nos beneficios.
A cifra de 8.000€ do crowdfunding, que tras os impostos quedase en 5.760€, está pensada para alcanzar o orzamento mínimo porque xa temos xuntados 7.000 e pico previamente. Agora mesmo estamos xa case neses 8.000€ pero ainda quedan duas semanas de campaña. Agora o novo obxetivo e intentar chegar o seguinte presuposto, o de 20.000€.

[Actualización: xa se acadaron os 8.000 € iniciais do crowdfunding, agora tentan acadar os 13.000 €. Moita sorte!]


Podedes axudar a conseguir os seus novos obxectivos na seguinte ligazón de Verkami: https://www.verkami.com/projects/16857-nove-de-novembro#

- Unha vez rematada, Que percorrido consideras que é obrigatorio para esta película?
As producións de tan baixo custo soen ser invisibles para os premios da industria, de todas formas seguramente nos presentemos aos diversos premios. O percorrido que lle queremos dar ao filme son principalmente os festivais, seguido do circuito de salas alternativas tipo Numax, ou entidades coma o CGAI, tamen cederlla as asociacións LGTB para que a proxecten nos seus programas de actividades e finalmente, rematada a distribución física, poñela a disposición de todo o mundo nalgunha plataforma online de video baixo demanda, tipo Filmin ou Netflix.

- Como está a ser o desenvolvemento técnico? Qué programa de rodaxe tedes estimado?
A rodaxe durará 20 días, será en agosto, con intención de ter o master final en outubro para chegar os deadlines dos festivais que se celebran a comezos de ano. Antes diso queda por diante darlle os últimos toques ao guión, seguir completando a financiación, cerrar o equipo técnico, preparar a rodaxe... dubido que descanse ate novembro.

- Contas con algunha colaboración institucional, asociación, etc?
O Concello de Xove patrocínanos cunha pequena cantidade, e contamos cas Deputacións de Lugo e A Coruña para a fase de distribución, cando xa esté completado o filme. As asociacións LGTB estannos apoiando e axudando a difundir o proxecto, algunhas con máis interese que outras, especialmente Ultreia e o Espazo Municipal das Diversidades Sexuais.

- Xa no eido mais social: coidas que son bos tempos para a diversidade sexual?
Sempre que a opinión pública maioritaria esté do noso lado serán bos tempos e niso o estado español está na vangarda mundial. Pero seguimos sufrindo ataques de todo tipo a diario, dende agresións pasando polo recente escándalo do bus transfobo de Hazte Oir, queda moito traballo por facer.

- Lázaro, deixa unha última mensaxe para os lectores

Que sigan consumindo cine e se abran a todos os tipos de cine, da igual onde esté o futuro, se nas salas ou en internet, o importante é que non deixemos de ver cine.

Podedes axudar a conseguir os seus novos obxectivos na seguinte ligazón de Verkami: https://www.verkami.com/projects/16857-nove-de-novembro#

Tráiler de "Nove de Novembro":

https://player.vimeo.com/video/195949435?api=1&autoplay=1

Nota: As fotografías deste post son de Lázaro Louzao

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada