La Ruina chegou á Coruña. O podcast de Tomàs Fuentes e Ignasi Taltavull trouxo as súas miserias ao Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) 2024 e contou coa presenza de Goyo Jiménez como invitado especial

Sabemos que tanto Ignasi coma Tomás teñen unha habilidade especial para darlle a volta ás desgracias propias e alleas, pero non sabiamos que teñen unha linguaxe propia. Vós podedes diferenciar as palabras que son nomes das que son verbos? Pois eles non!

Menos mal que chegou un especialista das historias coma é Goyo Jiménez e que lembrou parte das súas ruínas: o seu inicio como artista fronte a atenta mirada dun pai militar... Ou as situacións que viviu a causa de galletas que, ademais de fariña, tiñan outro tipo de sustancias.

Con todos estes ingredientes e o público a favor, escoitáronse os aplausos e as risas durante todo o espectáculo. Tamén axudaron as historias daqueles que se atreveron a subir ao escenario a expoñer as súas miserias. Quedade con varios puntos clave para non destripar nada:
-En Cardiff, a muller de Enrique fíxolle un "Pedro Sánchez" e quedou tan a gusto. Enrique case sofre un ataque...
-Descubrimos que hai un cheiro tan irresistible que provocou que unha coruñesa namorase dun rapaz e do seu irmán... O cheiro do amor.
-As festas de Curtis traen de cabeza a moitos cativos e, se ademais caen de cabeza, tamén traen os dentes na man.
-Á xente de Cambre gústanlle os nenos pero gústalle máis comer. Aínda que non apareza algún, o primeiro é o primeiro.
-E se queredes ir a Portugal, aquí hai un curso rápido das cousas que se poden dicir ou non para relacionarse.

Teredes que escoitar o podcast para saber cal foi a historia gañadora. O que si podemos dicir é que o premio foi unha espectacular bolsa de pedras decorativas valorada en máis dun euro.